NOVAS‎ > ‎

“A NOSA CULTURA ENRIQUÉCENOS”

publicado a la‎(s)‎ 8 oct. 2018 4:11 por Pepe Lijó Pose   [ actualizado el 8 oct. 2018 4:17 ]

Xa tivemos a primeira saída do curso, todos os nenos e nenas de Primaria fomos de excursión este último venres de setembro. Os maiores coidaron dos pequenos e das pequenas, subimos camiñando, descubrindo a natureza que nos rodea e cantando cancións de campamento.

O colexio Bayón atópase moi preto dos xacementos arqueolóxicos do monte da Cidá, situados ao lado do vértice xeodésico, onde podemos ver 15 vivendas da época castrexa, ademais doutra construción máis moderna, situada por encima destas, e que se empregaba como cabana de vixilancia de barcos durante o século XVII.


Os nosos alumnos e alumnas maiores de Educación Primaria, tras recompilar información durante esta semana, convertéronse en perfectos historiadores explicando aos máis pequenos e pequenas o que tiñan ante eles: os tipos de construcións, as costumes daquela época, os recursos dos que dispoñían, o motivo polo que escolleron ese enclave, a alimentación, ferramentas que empregaban, enterramentos, así como se produzo o descubrimento do xacemento e a importancia de coidalo para que non se deteriore.

Unha vez finalizada a visita aos castros e desfrutar das marabillosas vistas dende a Pedra da Ra, puxémonos en camiño ata o Parque Periurbán de San Roque, onde os rapaces e rapazas puideron saborear as súas merendas e recuperar forzas tras a andaina. Xogaron a ser guerreiras e guerreiros castrexos na Idade de Ferro, fixeron cabanas, xogaron ás agachadas, ao pilla-pilla, a correr polo parque... é dicir, facer o que máis lles gusta: DIVERTIRSE!!!!