NOVAS‎ > ‎

“Cartas a Sahara”

publicado a la‎(s)‎ 16 dic. 2015 6:55 por Pepe Lijó Pose   [ actualizado el 16 dic. 2015 7:10 ]

A finais do curso pasado, un grupo de alumnos e alumnas de 3º de ESO prepararon unhas cartas para enviar aso campos de refuxiados saharauís, aproveitando o regreso aos campamentos dos nenos acollidos na comarca dentro do programa “Vacacións en Paz”. As circunstancias fixeron imposible levalo a cabo naquela altura, polo que decidimos que a visita de decembro da nosa compañeira, podía ser un bo momento para realizar a actividade, que quedaría xa enmarcada dentro das iniciativas do noso centro en apoio aos refuxiados.

O colexio que visitamos é o Simón Bolívar, en Esmara. Un centro de educación preuniversitaria que imparte todas as súas materias en castelán, excepto Lingua árabe. Os alumnos prepáranse para poder continuar os seus estudos en universidades de fala hispana.  Permanecen no centro en réxime de internado, xa que proceden de todas as wilayas e marchan á casa na fin de semana. Os seus mestres son cubanos e saharauís, e pasan o curso canda eles no mesmo colexio. A súa formación está regulamentada polo Ministerio de Educación da RASD (República Árabe Saharui Democrática). Recibiron as cartas con moita ilusión e agradeceron profundamente o apoio e o ánimo que os nosos rapaces lles deixaron. Moitísimas grazas a todos os que participastes nesta actividade, que terá resposta en breve e que sen dúbida nos achega un pouquiño máis a este pobo.