NOVAS‎ > ‎

A liña Azul

publicado a la‎(s)‎ 21 abr. 2015 12:56 por Pepe Lijó Pose   [ actualizado el 21 abr. 2015 12:56 ]

Estamos a dia 20, e hoxe veu ao noso humilde colexio un personaxe un tanto especial. Chámase David “Pobra”, aínda que este é o seu nome artístico. Chegou sobre as 9:30 da mañá, pouco despois da nosa entrada á clase. Cando nós baixamos ao salón de actos, el xa estaba esperando, e recibiunos a 3º e 4º da ESO moi xeitosamente, como cabería esperar dunha persoa coma el.

A súa presentación cara a nós foi curta e moi clara, e notábaselle dende o inicio un aire moi amigable e simpático. Despois falounos da historia da súa obra; é dicir, en que se inspirou para redactala e canto tempo estivo traballando nela.

Tamén houbo un tema que me impactou bastante, que foi a ilusión que tiñan os profesores que estiveron onda nós de velo, xa que levaban todo o ano escolar esperando a chegada de David; e incluso semellaba que tiñan mais ilusión ca nós!

Agora voume centrar no que nos contou esta mañá acerca da súa obra, Liña Azul. Contounos que naceu polas historias que se lle ocorrían no Metro cando el estudaba en Barcelona. Pouco a pouco foi subindo a unha páxina web fragmentos de historias que sucedían no Metro, mais concretamente na Liña Azul, que era a que pasaba dende onde vivía ata o lugar onde estudaba. Máis tarde, e vendo que tiñan éxito, aconselláronlle máis personaxes para continuar as historias, e chegando ao punto de que os seus amigos recomendáranlle crear un libro con estas historias. Estivo mais ou menos un ano enteiro escribindo este libro que mais tarde chegaría ás nosas mans e el mesmo viría ao noso colexio a contarnos a súa longa historia.

En ningún momento da súa conferencia perdeu ese carisma especial con que contaba todo acerca de el e a súa novela. Tamén nos dixo que tratábase de metaliteratura, palabra que ao principio sooume moi rara. Tiña certo parecido coa Novela Negra, xa que trataba dun detective investigando un caso no Metro de Barcelona.

Ao terminar a súa exposición, déronlle un regalo por parte dos profesores, o cal aceptou con moita ilusión, xa que ademais era unha obra de Don Carlos García Bayón que falaba de Valle Inclán e da Pobra do Caramiñal, lugar onde naceu o noso visitante especial.

Máis tarde procedeu a asinar os nosos libros que tanto esperabamos que fixese. Pero, non fixo coma o resto de autores, que só plasmaron a súa sinatura no libro e nada máis, senón que nos adicou a cada un algunhas palabras e un pouco do seu tempo.

Sen dúbida, dando a miña opinión persoal e obxectiva, foi dos mellores autores que visitaron o noso centro, non só pola súa novela que veu comentarnos, mais ben porque tivo en todo momento unha actitude positiva e simpática cara a nós, e foi pola miña opinión o que o caracterizou coma un bo autor, que de feito, co seu empeño, carisma e traballo, logrará.

Carlos Real

3º de ESO

Comments