“PONTE NO MEU LUGAR” Somos unha marea de xente, todos diferentes, remando ao mesmo compás... Esta sempre foi a filosofía do colexio Bayón e, aínda que non sempre o acadamos, non deixamos de loitar pola nosa identidade. A solidariedade, respecto, convivencia, saber estar, colaboración, aceptación, afán de superación...son valores fundamentais para nós e que tratamos de inculcar ao noso alumnado. Actividades como a realizada o Día da Paz, na que traballamos diferentes tipos de discapacidades, son as que reforzan o noso traballo e nas que observamos os progresos dos nosos rapaces e rapazas que amosan curiosidade ante calquera actividade, sendo espontáneos nas súas preguntas e actuacións. Durante a semana traballamos nas aulas a discapacidade e os sistemas alternativos de comunicación que se poden empregar, decorando con pictogramas a árbore de primaria (1º e 2º E.P) e realizando, entre todos os cursos, un videoclip da canción “Somos una marea de gente” de Macaco, interpretada polos alumnos e alumnas en Linguaxe de Signos. O luns 30 tivemos a sorte de contar coa presenza de Alex Vidal Álvarez (tricampeón do mundo e de Europa de para-taekwondo) e a de Manolo Blanco (antigo alumno e pai de dous dos nosos alumnos/as) que, con naturalidade e positivismo, narraron como superaron pasiño a pasiño as dificultades que foron aparecendo no seu camiño. Dous casos diferentes, que teñen en común a súa vinculación co deporte, o cal lles proporcionou esa forza e afán de superación. Resaltaron especialmente a importancia da familia e dos amigos para saír adiante, cada un na súa vida e nos seus retos persoais. Unha vez finalizadas as charlas, os alumnos e alumnas disfrutaron, xunto con Alex e Manolo, de xogos que nos que tiñan que poñerse no lugar das persoas con dificultades motoras e sensoriais. Unha actividade lúdica que lles permite darse conta das dificultades as que teñen que facer fronte as persoas con discapacidade na súa vida diaria. A celebración do Día da Paz, rematou pola tarde no salón de actos do colexio, no que xunto aos alumnos e alumnas de Educación Infantil cantamos e interpretamos con linguaxe de signos a canción “Somos una marea de gente” de Macaco. |
NOVAS >