NOVAS‎ > ‎

SETE FLORES

publicado a la‎(s)‎ 27 mar. 2017 8:55 por Pepe Lijó Pose   [ actualizado el 27 mar. 2017 23:31 ]

Sete flores para homenaxear ós 6 escritores e á poetisa que protagonizan “LIBERTAS”: Federico García Lorca, Xosé Luís Méndez Ferrín, Susana Chávez, Orhan Pamuk, Jude Dibia, Liu Xiaobo e Ángel Cuadra; todos eles fuxidos, perseguidos, encarcelados ou asasinados. Iniciativa xurdida da man de Olegario Sampedro, autor, e da colaboración entre o Pen Galicia e o IMER, Instituto de Mediación Educativa de Ribeira.

Sete flores depositaron os nosos alumnos e alumnas de 3º e 4º de E.S.O. na visita que realizamos o pasado venres 24 de marzo á exposición “LIBERTAS”, no Centro Cultural Lustres Rivas, adicado ó xornalista ribeirense que, curiosamente, tamén foi detido e logo asasinado en novembro do 1936, tras a sublevación franquista do 18 de xullo...

Sete flores semellan poucas para reivindicar a liberdade de expresión e a defensa dos DEREITOS HUMANOS, pero simbolizan o  compromiso do COLEXIO BAYÓN como un referente do ensino  en igualdade, para formar rapaces e rapazas librepensantes, críticos e solidarios nun mundo en constante cambio no que os valores parecen non pesar.

Guiados por Olegario Sampedro e Montse Martínez Pampín (profe do centro e colaboradora do proxecto como membro do IMER), adentráronse nese “outro mundo” no que pensar, falar, opinar, ser distinto, non é tan doado como parece na nosa vella Europa. Complementamos esta saída con diferentes actividades que poñeremos en práctica nas aulas e así afondar e reflexionar sobre a necesidade de preservar a liberdade e os valores democráticos.

Actividade organizada polo Departamento de Ciencias Sociais e incluído no Plan de Biblioteca. (Vídeo gravado e editado por Laura Cruxeiras)