NOVAS‎ > ‎

VISITA DA MAMÁ DE RIM

publicado a la‎(s)‎ 27 nov. 2018 23:22 por Pepe Lijó Pose   [ actualizado el 27 nov. 2018 23:47 ]

Este venres tivemos unha visita moi especial en 1º de Primaria. Amal, a nai de Rim, estivo en clase falándonos do seu país natal: Marrocos.

 Foi unha visita moi especial para nós, preparamos a aula para que Amal se sentise como na casa e foi moi divertido sacar os zapatos e pasar a mañá nas alfombras, libres sen as mesas e cadeiras da clase. A verdade é que estivemos moi inquedos pola novidade de estar descalzos...

A nai de Rim falounos da comida, da vestimenta, da música, dos bailes, das casas, das escolas, dos traballos, do clima, da natureza...

Tamén nos falou sobre as rúas, que nos encantaron, porque na súa vila as rúas son peonís e os nenos e as nenas xogan libres, sen perigo dos coches, por iso non xogan con videoxogos, prefiren estar fora. A vila onde naceu, estudou e pasou a súa infancia é parecida a Ribeira, porque ten mar e tamén ten costas que soben e baixan.

Algo que nos interesou moitísimo foi a súa lingua: o árabe. Amal ensinounos a escritura dos nosos nomes en árabe, cada un e unha de nós xa sabemos agora como se escribe o noso nome, é moi difícil escribir estas letras, pero son moi fermosas.

Antes de marchar, tiñamos unha sorpresa para ela: fixémoslle un libro especial cos nosos debuxos e agradecementos por vir á nosa clase... e tamén un marcapáxinas do Bayón, porque sabemos que lle gusta moito ler.

Estamos moi agradecidas e agradecidos por este día marabilloso, no que aprendemos tantas cousas sobre Marrocos. Graciñas Amal!