Máis preto do SAHARA

publicado a la‎(s)‎ 4 feb. 2016 9:06 por Pepe Lijó Pose   [ actualizado el 4 feb. 2016 9:09 ]
Con motivo da celebración do Día Internacional da Paz, o noso alumnado participou nunha serie de charlas dirixidas a diversos centros educativos da comarca, coa intención de dar a coñecer a situación do pobo saharauí refuxiado nos campos de Tinduf (Arxelia).

Cunha presentación audiovisual, repasamos a  xeografía, historia, costumes, e actualidade sobre o Sahara Occidental, para coñecer mellor o país que foi colonia española ata 1975, e que agarda o regreso ao seu territorio desde o exilio no deserto arxelino. 

Do mesmo xeito, o proxecto educativo "Vicente Fernández" tamén se fixo chegar aos diferentes centros da comarca, os cales amosaron a súa disposición a participar e colaborar nel e nas campañas que darán continuidade ao mesmo ao longo deste curso. Nas vindeiras semanas concretarase este proxecto solidario iniciado en agosto de 2015.

Nos encontros, colaboraron membros de SOGAPS como  Amparo Cerecedo, delegada comarcal, Laroussi Mohamed, alumno de 2º de ESO e Marián González, a nosa mestra de Lingua Galega, que visitou nos campos, recentemente, as wilayas de Smara e Auserd.

Esta é a presentación realizada e coordinada polo profesorado de Secundaria en xaneiro de 2016.
Tamén se pode ver premendo no seguinte ENLACE.