Publicaciónss

    O Clube de Prensa é un obradoiro de actividades no cal nos reunimos ao longo do curso os profesores do Departamento de Lingua Galega cun equipo de alumnos de todos os cursos para comentar noticias, redactar e elaborar entrevistas e pequenos reportaxes, confeccionar pasatempos, xogar coa poesía, e mesmo expresar as nosas inquedanzas, emocións e sentimentos a través de escritos que pretendemos sexan o máis parecido a “textos literarios”.
    Un dos obxectivos finais é a recompilación destes traballos periodísticos e literarios para a confección da Revista Escolar “VIDA”, que se edita conmemorando o Día das Letras Galegas, o 17 de Maio, e rememorando ao escritor galego homenaxeado nesta data.
    Nas sesións de obradoiro, que se levan a cabo un día a semana, trabállase en equipo amistosamente e nun ambiente moi distendido. A el acoden os alumnos que teñen algo que dicir, opinar, manifestar, criticar ou expresar, alumnos as máis das veces que son mozos e mozas curiosos ousados e arriscados, amantes da poesía, e que desexan divertirse e entreter aos demais.
    Preguntámonos cál é a motivación da xente para escribir nunha revista escolar, seguramente curiosidades pola información, interese polo seguimento dunha noticia ou mesmo o desenvolvemento da sensibilidade literaria que cada un de nós levamos dentro.
    Andamos ben de tempo nestas lides e gústanos apreciar como dende fai algo máis que uns cantos anos que se leva editando a revista, os antigos alumnos comentan e opinan coas súas familias, que en moitos casos son os actuais alumnos, os artigos e debuxos de uns e dos outros. Cantas lembranzas nos poden traer: os compañeiros, os mestres, as experiencias de entón... e as de agora!.

Outras publicacións.
    Durante o curso confecciónanse outras revistas de tipo monográfico. Ditas publicacións non teñen periodicidade nin están suxeitas a temas concretos e determinados, senón que xorden en calquera circunstancia e momento como tema puntual que acada o noso interese e motivación, e posteriormente en colaboración co alumnado confeccionase o monográfico.

    Desta maneira publicamos: Ano Santo Xacobeo 93, Xacobeo 94, Xa vou a escola, Coa mochila ás costas, Árbores de Galicia, Técnicas de Estudio, Parque de Corrubedo, Onte e hoxe co Colexio e Vida Literaria.